Campaña de recollida de alimentos xunto ás peñas celtistas Milladoiro e Norte Celeste

Acabando o Nadal, a un grupo de peñistas ocurreuselles que, ante os difíciles tempos nos que vivimos, poderíamos ter organizado unha recollida de alimentos para aportar a nosa axuda ás persoas necesitadas. Pensamos que igual xa pasaran as datas máis axeitadas, pero decidimos que non, que iamos levar a cabo a nosa campaña durante todo o mes de Xaneiro, en primeiro lugar para cumplir coa nosa vontade de colaborar e en segundo lugar para chamar a atención sobre que o esforzo e a solidariedade de todos ten que continuar ao longo de todo o ano e non limitarse ás festas de Nadal.

Por todo isto, as peñas celtistas Merlegos Celestes, Milladoiro e Norte Celeste,que gardamos xa unha estreita relación porque compartimos desprazamento a Balaídos, decidimos unir esforzos unha vez máis para levar adiante esta iniciativa. Durante todo o mes de Xaneiro, aproveitamos os nosos desprazamentos en bus a Balaídos e os espazos habilitados na cervexería Merlego de Santiago de Compostela e na Casa da cultura de Milladoiro para ir recollendo doazóns tanto de peñistas coma de non peñistas que quixeron participar.

Finalmente, o venres 31 rematamos a campaña e fixemos entrega de 367 kilos de alimentos na delegación de Santiago do Banco de Alimentos. Queremos agredecerlles aos seus responsables a súa amabilidade e que nos ensinaran as súas instalacións e a súa forma de traballar. Axudounos a valorar como se merece o gran traballo que fan e a súa importancia.

Por suposto queremos tamen agradecer as súas doazóns a todos aqueles que colaboraron nesta campaña e que conseguiron que superáramos as nosas expectativas. E xa de paso queremos animar a outras peñas a que leven a cabo iniciativas similares nas súas zonas. Hai que intentar manter o esforzo solidario todo o ano. 

Moitas grazas a todos! Un saúdo.